
A agrupación cultural Francisco Lanza, de Ribadeo, ofrece clases de galego e portugués desde o 21 de outubro e organiza unha viaxe a Samos, Monforte e Portomarín para o día 25 do mesmo mes.
“Van volver as aulas de galego e de portugués da man da nosa compañeira e amiga Dores Fernández Abel. Por favor, quen teña interese ou saiba de amigos/as que estean interesados/as póñanse en contacto connosco para apuntárense, enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com. Lembrade que son totalmente gratuítas e é unha boa ocasión para familiarizarse coa nosa lingua e/ou co portugués”, anuncia a Agrupación Cultural Francisco Lanza.
Ademais para o sábado 25 de outubro a Agrupación Cultural Francisco Lanza organiza unha viaxe ao mosteiro de Samos e ao Pazo de Tor. “Pola mañá realizaremos unha visita guiada ao mosteiro así como aos seus arredores; a medio día visitaremos Portomarín, e pola tarde achegarémonos ao pazo de Tor, en Monforte. O prezo da actividade será de 65 euros para socios/as e 75 para non socios/as. Para que se realice a actividade deberá haber un mínimo de 20 persoas inscritas. Non poderemos exceder as 30 por limitacións de público nas visitas. Para inscribirse, enviar un correo indicando nome e apelidos. Para aboar o prezo xa se darán instrucións respondendo a dito correo. Tamén se pode facer a inscrición mediante mensaxe de WhatsApp ao 699.80.96.06”, explica o colectivo cultural ribadense.