
A asociación de comerciantes do Centro Histórico de Viveiro instalará na Sala Multiusos do Concello os xoves 6, 13 e 20 e os venres 7, 14 e 21 de novembro unha ruleta de premios, que repartirá 3.000 euros en vales de compra para gastar en calquera dos negocios asociados ó CCHV e 3.300 premios directos, entre os que haberá paraugas, tote bags, caixas de chocolates, cafés, cañas, postres, tapas e milleiros de descontos para tendas de roupa, complementos, deportes, nenos, xoguetes, xoierías, supermercados, librerías, fotografía, mobles e decoración, ópticas, masaxes, salóns de peiteado e centros de estética.
“Unha morea de premios para premiar a fidelidade dos clientes do comercio local”, destaca o colectivo empresarial de Viveiro, que anuncia que o horario será de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
“Os interesados poderán participar entregando tíckets de compra de calquera dos negocios asociados ó CCHV cun importe mínimo de 10 euros. Por cada 10 euros en compras terase dereito a unha tirada na ruleta, fixando un máximo de 6 tiradas seguidas, e se queda algunha tirada pendente a persoa porase de novo na cola para volver tirar. Permitirase a acumulación de varios tíckets de cantidades inferiores ata sumar os 10 euros e a data válida dos tíckets de compra é dende o luns 1 de ata o venres 21 de novembro. Realizaranse as tiradas por estrito orde de chegada, unha vez comprobada a validez dos tíckets (negocio asociado, data e importe). As casillas da ruleta conteñen a palabra premio e segue xogando. Se se cae nesta última casilla non hai opción a premio. Cando se cae na casilla de premio o gañador extraerá dunha urna unha papeleta onde estará indicado o premio correspondente. Cada día sortearanse 500 euros en vales de compra que aporta a asociación para gastar nos negocios asociados (tanto comercio como hostalería), facendo un total de 3.000 euros durante os seis días que estará instalada a Ruleta. Dita cantidade estará repartida en 60 premios de 50 euros cada un. Poderanse gastar ata o 30 de novembro”, explica o CCHV, que engade: “a finalidade deste sorteo é a promoción da campaña de outono nos comercios de Viveiro, potenciar a compra no comercio local e facer un sorteo divertido e con premios atractivos. Intentamos dinamizar unha época importante para o comercio local, poñendo en marcha iniciativas e premios para agradecer a fidelidade dos clientes e acadar que Viveiro continúe a ser, unha vez máis, referente de compras en toda a comarca, sempre contando ca colaboración da Xunta de Galicia dentro dos programas de dinamización de centros comerciais abertos”.
As bases do sorteo pódense consultar na web www.viveirocentro.com e na App ViveiroCCH.


