A asociación Ronqueta organiza un curso de percusión con instrumentos de cociña. Será o 28 de outubro en Ribadeo.

A asociación cultural Ronqueta de Ribadeo, en colaboración co Concello de Ribadeo, organiza un curso de Percusión con Instrumentos de Cociña que terá lugar o 28 de outubro.

Este curso desenvolverase na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas, e está dirixido a persoas maiores de 8 anos. O número de prazas é limitado ata 22 persoas, e o prezo é de 45 euros para o alumnado da EMMeD e 50€ para o resto.

Os asistentes deberán acudir con 2 culleres de metal (tamaño sopa), 1 morteiro, 1 tixola con culler e dedal (dedo corazón da man esquerda), 1 tapadeira de cazola e 2 vieiras.

O obxectivo deste curso é ademais de coñecer algunhas das cancións tradicionais máis representativas do país, descubrir as posibilidades sonoras dos elementos de diario que están nas nosas cociñas e a súa capacidade para facer música. Tamén pretende achegarse á cultura musical de diferentes comarcas e lugares a través dos seus ritmos máis característicos.

O curso será impartido por Vanesa Muela, licenciada en Historia pola Universidade de Valladolid e especialista en Estudos sobre a Tradición. É unha cantante e multiinstrumentista que bebe directamente da tradición, a raíz e a pureza das músicas de antaño. Ten recibido diversos premios e recoñecementos ao longo da súa traxectoria e conta con dez gravacións discográficas ademais dun sinfín de colaboracións con grupos de música folk e tradicional de todo o país.