Ata o 29 de setembro está aberto o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais de inverno do Concello de Ribadeo.

Desde hoxe e ata o 29 de setembro está aberto o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais de inverno do Concello de Ribadeo. Son 11 as modalidades ofertadas para este curso 2023-24.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, contou que “desde hoxe e ata o 29 de setembro está aberto o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais de inverno do Concello de Ribadeo. As nenas e os nenos poderán practicar deportes como atletismo, baloncesto, fútbol, fútbol sala, hoquei liña, natación, pádel, patinaxe, tenis, tenis de mesa ou ximnasia rítmica”. 

O edil ribadense subliñou que “se trata dunha ampla oferta entre a que poder elixir. O pagamento da matrícula, que son 60 euros por escola, poderá realizarse ata o 16 de outubro. Poderán matricularse todas as nenas e os nenos nados entre os anos 2010 e 2019 ambos incluídos”. 

Silvent dixo que “nas escolas con límite de prazas realizarase un sorteo entre os inscritos o día 3 de outubro. Terán preferencia as nenas e os nenos empadroados ou escolarizados en Ribadeo. O inicio das escolas terá lugar entre o 18 de setembro e o 14 de outubro e o remate entre o 18 de maio e o 14 de xuño”. 

No acto de presentación das escolas deportivas de inverno participaron o alcalde, Dani Vega, os concelleiros de Deportes e Obras, Francisco José Silvent e Diego Dos Santos, e o técnico de Deportes, Iván López.