A Aula Universitaria da UNED de Foz oferta en marzo catro cursos, un roteiro e un obradoiro

A Aula Universitaria da UNED de Foz presenta para o vindeiro mes de marzo de 2026 unha nova programación formativa dirixida ao público xeral, composta por catro cursos presenciais centrados na saúde, a educación e o benestar persoal, así como unha actividade divulgativa ao aire libre e unha opción de ocio dirixida a crianzas.

Segundo explica Marta Muíña, coordinadora da Aula Universitaria da UNED de Foz, “esta nova oferta responde ás demandas actuais da cidadanía, apostando por unha formación práctica, útil e impartida por profesionais de recoñecido prestixio nos seus respectivos ámbitos”.

O primeiro dos cursos será Planificación nutricional para persoas con pouco tempo: organización semanal paso a paso, impartido por Saray Río, dietista e nutricionista. Trátase dun curso presencial cunha duración total de 10 horas, orientado a persoas que desexen mellorar os seus hábitos alimentarios de forma sinxela e organizada.

Tamén se celebrará o curso Acompañando a dislexia: guía para familias e educadores, impartido por Alicia Lage, psicóloga e neuropsicóloga clínica. Esta formación presencial, cunha duración de 10 horas, está pensada para familias, docentes e profesionais interesados en comprender mellor a dislexia e aprender estratexias prácticas de apoio. Contará cunha intervención especial de dous membros do equipo de Change Dyslexia a través da canle online nunha das sesión.  A concelleira de Educación, Elena Martínez Pena, destacou que “é fundamental dar apoio tanto ás familias como aos centros educativos para favorecer unha educación máis inclusiva e adaptada ás necesidades reais do alumnado”.

A programación complétase co curso Primeiros auxilios e coñecementos do DEA en adultos, impartido por Camilo José Vázquez, profesional da saúde especializado en urxencias e emerxencias sanitarias. Esta formación presencial terá unha duración de 12 horas e ofrecerá habilidades básicas para actuar ante situacións de emerxencia, así como para o uso correcto do desfibrilador externo automático (DEA).

Ofrécese tamén o curso Uso de Silhouette e Canva aplicado ao deseño de eventos, cunha duración de 25 horas, dirixido a aquelas persoas que busquen iniciarse no deseño dixital e a creación de elementos decorativos para eventos, da man de Carmen Mira, directora de Imaxinatia e formadora.

Ademais, realizarase un roteiro interpretativo sobre as cancións de amor das aves, da man de Pedro Rolle, colaborador habitual da UNED de Foz e experto na biodiversidade da zona. A actividade terá lugar o 23 de marzo, con saída desde a Igrexa de San Acisclo ás 16:00 horas.

Como peche da programación do mes de marzo, o día 31 celebrarase un obradoiro de manualidades de Semana Santa en inglés, impartido por Leticia Veiga, colaboradora e formadora da UNED, dirixido a crianzas de entre 5 e 9 anos.

“Seguimos traballando para achegar formación de calidade ao noso territorio e ampliar as oportunidades de aprendizaxe ao longo da vida”, conclúe Marta Muíña.

Desde a Aula Universitaria da UNED de Foz lémbrase que continúa aberto o prazo de matrícula para o presente curso académico, que poderá formalizarse ata o vindeiro 11 de marzo. As persoas interesadas poden obter máis información sobre a oferta formativa e o proceso de inscrición a través dos canais habituais da UNED ou na propia Aula Universitaria.