A axenda cultural de Ribadeo para esta primavera inclúe unha trintena de actividades

Ribadeo presenta unha programación cultural diversa e para todos os públicos esta primavera. 

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, dixo que “se trata dunha proposta ampla e variada que consolida a aposta do Concello por unha programación accesible, diversa e de calidade”.

A edil ribadense subliñou que “a axenda inclúe unha trintena de actividades que abranguen disciplinas como a música, o teatro, a literatura, o cinema, a danza ou as artes plásticas, pensadas para todos os públicos e idades. Entre as citas máis destacadas figuran o Festival de Jazz xa celebrado a principios deste mes de abril, concertos do Vendaval Fest en maio ou a sexta edición de Ribadeo Ilustrado en xuño, así como numerosas funcións teatrais e presentacións literarias”.

Para Sanjurjo “esta programación é o reflexo do dinamismo cultural de Ribadeo e do traballo conxunto co tecido asociativo e creativo local. Queremos que a cultura siga sendo un eixo fundamental da vida social do noso concello”. E destacou “o papel dos espazos culturais municipais, como o Auditorio Hernán Naval, a Biblioteca ou o Cine Teatro, que acollen boa parte das actividades, ademais doutros escenarios ao aire libre, que permitirán gozar da cultura en diferentes contornas”.

A concelleira de Cultura indicou que “outro dos obxectivos desta axenda é fomentar a participación cidadá e achegar propostas culturais a todos os barrios e parroquias, garantindo unha oferta descentralizada e inclusiva. A axenda cultural de primavera xa está dispoñible para a consulta en formato físico en distintos puntos do municipio e tamén en versión dixital a través das canles oficiais do Concello”.

Desde a Concellería de Cultura animan “á veciñanza e ás persoas visitantes a participar activamente nesta programación porque a cultura non só entretén, senón que tamén constrúe comunidade e identidade”.