
O Centro Sociocultural Manuel Díaz Sampedro, de San Cosme de Barreiros, acollerá unha charla sobre as velutinas este venres, día 24 de outubro, ás 20 horas.
É unha actividade organizada polo Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros, que explica que “As Lambiscadas Científicas son charlas de divulgación científica para público xeral. Teñen unha duración aproximada dunha hora ou hora e media e realízanse a través de asociacións e colectivos locais. Están impulsadas por XuvenLab, en colaboración coa Área de Medio Rural, do Mar e Mocidade da Deputación Provincial de Lugo, dentro do proxecto Ciencia á Feira financiado pola FECYT. Trátase dun proxecto interxeracional, comunitario e itinerante, que leva o coñecemento científico a lugares onde habitualmente non chega, e sempre en diálogo coas realidades locais. E no noso caso escollemos unha problemática que está a orde do día nos últimos anos, afectando a particulares e apicultores de maneira reiterada. Que facer se nos atopamos cunha velutina? Como recoñecer a avespa velutina, que riscos ten e como actuar ante a súa presenza. Analízanse distintos métodos de xestión”.