
O Concello de Barreiros, a Fundación Abanca e Abanca Corporación Bancaria, asinaron un convenio de colaboración para traer a Barreiros a exposición Fauna Esencial. “É unha exposición dunha serie de fotografías de fauna ibérica. Cada unha delas, leva textos explicativos que dan datos das especies: hábitat, alimentación, ou perigos que enfronta actualmente para sobrevivir. Esta mostra está unida a Cultura por alimentos e haberá habilitado un estante para que a xente da zona poidan levar algún alimento, cando visiten a mesma, que será doado, ao remate do período expositivo. A exposición situarase no salón do Centro Sociocultural Manuel Díaz Sampedro de San Cosme de Barreiros e abrirá de 9:30 a 14:30 h de luns a venres. A entrada é gratuíta”, explica o Concello de Barreiros, que engade: “o acto institucional de apertura será o venres 13 de marzo ás 11:30 horas e convidamos a toda a veciñanza a que se achegue visitala”.
O Concello de Barreiros agradece que “a Fundación Abanca e Abanca Corporación Bancaria conte connosco para achegar este tipo de proxectos culturais a concellos pequenos coma o noso. Esperamos que esta sexa a primeira de moitas colaboracións que fagamos”.


