
O Concello de Barreiros organiza para este domingo, día 18 de maio, unha nova edición do Mercadiño na Primavera, que terá lugar na Praza do Concello e “contará cun programa cheo de actividades e propostas que inclúen música en directo, obradoiros, degustacións e actividades infantís. O mercadiño desenvolverase entre as 11 e as 20 horas e contará cunha ampla variedade de postos nos que se poderán mercar produtos locais, de proximidade, artesáns e outras variedades pensadas para todos os gustos”.
O programa é o seguinte: ás 11:00 horas, apertura do mercado, amenizada pola actuación do grupo de gaitas do A.F O Arco da Vella; ás 12:00 horas, concerto de Dous en punto (grupo formado por Carlos Bau e Hugo Torreiro que ofrecerá música en directo coas súas mellores versións); de 12:30 a 14:30 horas, degustacións de elaboracións con razas autóctonas; ás 16:00 horas, taller de arte floral; ás 17:00, obradoiros infantís; ás 18:00, merenda no mercadiño; ás 18:30, xogos e dinamización infantil; e ás 20:00 horas, sorteos e peche de postos.
Durante toda a xornada estará dispoñible un posto de libros solidarios dentro da carpa e no cal se poderán adquirir exemplares por 2 euros. A recadación íntegra será a favor da asociación local Asociación Guillem Veiga Iglesias.
Desde o Concello de Barreiros agradecen a colaboración da Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, cuxa implicación “permite desenvolver iniciativas que impulsan o consumo responsable, poñen en valor os produtos de proximidade e dinamizan social e economicamente o municipio”.