Barreiros programa actividades polo 8M para os días 6, 8 e 14 de marzo

O Concello de Barreiros, a través da área de Igualdade, organiza varias actividades con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, co obxectivo de reforzar a sensibilización social, a participación da veciñanza e o traballo transversal en igualdade de xénero. Serán os días 6, 8 e 14 de marzo.

A primeira das actividades será a lectura da declaración institucional. Terá lugar o venres 6 de marzo ás 11:30 horas na Praza do Concello. Ao remate do acto, entregarase un pequeno agasallo ás persoas asistentes.

O propio día 8 de marzo, domingo, conmemorárase a xornada cun monólogo treatralizado sobre a obra A Muller Soa, de Franca Rame e Darío Fo. A interpretación será a cargo do Colectivo Cultural Ollomao ás 20:00 horas nos colexios vellos de San Miguel, con entrada de balde e ata completar o aforo.

A programación continuará co obradoiro titulado Alimentación en todas as etapas das mulleres, no que se abordarán aspectos clave relacionados coa saúde e a alimentación ao longo das distintas etapas da vida das mulleres. Terá lugar nas escolas unitarias de San Cosme o sábado 14 de marzo ás 11:30 horas e será impartido por María González Cociña, matrona no Centro M Burela.

A concelleira de Igualdade, Montse Porteiro, sinala que “o 8M é unha data primordial para reafirmar o compromiso institucional coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes”. Destaca tamén “a importancia desta programación que combina reivindicación, cultura e saúde, abordando a igualdade desde distintas perspectivas e poñendo o foco nas necesidades das mulleres ao longo da súa vida”.