A Biblioteca Municipal de Xove convoca un concurso de caretas de Entroido, que poden entregarse ata o 14 de febreiro

A Biblioteca Municipal de Xove organiza o seu tradicional Concurso de Caretas de Entroido, unha iniciativa que “ten como obxectivo fomentar a creatividade e a participación dos máis novos arredor dunha das celebracións máis emblemáticas da nosa cultura popular”. O concurso está aberto a todos os nenos e nenas, rapaces e rapazas de Xove, dende 4º de Educación Infantil ata 4º da ESO, que deberán presentar na biblioteca unha careta relacionada con motivos de Entroido. O prazo está aberto ata o 14 de febreiro.

O Concello de Xove explica que “as caretas poderán realizarse en cartulina, folio ou calquera outro material, sempre que se axeiten aproximadamente ao tamaño dun folio. A técnica a empregar será libre, podendo utilizar debuxo a lapis, rotuladores, ceras, collage ou calquera outra proposta creativa. Co fin de garantir o anonimato na valoración, as caretas non poderán incluír ningún dato persoal do concursante. De tódolos xeitos, para participar, as persoas interesadas poderán consultar as bases do concurso e a documentación a presentar na páxina web do Concello de Xove: http://www.xove.es”.

Dende a Biblioteca Municipal de Xove anímase a toda a rapazada a participar nesta actividade, que “cada ano conta cunha grande acollida e contribúe a manter vivo o espírito do Entroido”.