
A recoñecida cantante galega Uxía volverá este sábado, día 1 de novembro, a Burela como parte da súa xira Será por Flores, coa que celebra 40 anos de carreira musical.
O recital terá lugar ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Burela. As entradas para o evento poderán ser adquiridas no despacho de entradas da propia Casa da Cultura, en horario de 10:00 a 13:00 horas, a un prezo de 5 euros.
O evento conta co apoio do Concello de Burela e da Xunta de Galicia, a través da AGADIC, estando enmarcado na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A concelleira de Cultura de Burela, Lina Gómez, anima á veciñanza “a vir celebrar os 40 anos de traxectoria desta gran artista galega nun concerto que, de seguro, será inesquecible”.
O Concello de Burela explica que “Uxía, nada en Sanguiñeda (Mos) comezou a súa carreira musical ao gañar o primeiro premio do Festival de Bergantiños en 1985, publicando o seu primeiro álbum, Foliada de marzo, ao ano seguinte. A súa prolífica e recoñecida carreira toca diferentes xéneros, aínda que está enmarcada principalmente entre o folk, a música tradicional galega e a canción de autora”.


