Carballido, en Alfoz, celebra a Feira do Trece este sábado, 13 de xuño

A parroquia de Carballido, no municipio de Alfoz, celebrará a Feira do Trece este sábado, día 13 de xuño, desde as 10:00 horas.

Este evento está organizado pola Asociación de Veciños San Sebastián de Carballido, que anuncia: “na feira de gando esperamos contar cun número considerable de animais. Serán premiados os 2 gandeiros que máis número de cabezas aporten á feira, ademais das 2 mellores vacas, os 2 mellores cabalos ou bestas de montura e tamén de tiro.Todos os gandeiros que desexen curro poderán contactar con nós no 636.01.06.19. No mercado contaremos con postos con todo tipo de produtos, incluído o estrela desta feira antigamente, as cereixas”. Tamén haberá paseos a cabalo gratuítos para nenos con Flor do Toxo a partir das 16:30 horas, “para que os máis novos disfruten tamén da feira”.

No programa tamén se inclúe o espectáculo ecuestre La magia del caballo: “ás 18:30 horas poderemos disfrutar no Trece dos actuais subcampións do mundo de exhibicións e medalla de bronce de alta escola modalidade pé a terra no SICAB 2025 de Sevilla”.

No apartado musical “contaremos con A.D.M. DAMBARA para deleitarnos a todos coa súa música tradicional dentro do programa Tradigalu 2026. O dúo Belinda amenizaranos a sesión vermú e a verbena con música de todos os estilos, especialmente de baile. Tamén contaremos cun tardeo movidiño da man do DJ Litainer e a discoteca móvil Conxuro, que ademais fará o fin de festa ata ben entrada a madrugada. Durante a sesión vermú sortearemos agasallos entre os asistentes”.

A organización da Feira do Trece anuncia ademais: “poderase xantar ou cear na nosa carpa o xa menú típico, composto de callos ou empanada, churrasco, chourizo, pan, viño ou auga e café. Haberá tickets á venta na propia feira no posto da asociación, non é necesario reserva previa” e destaca que contarán con amplos aparcadoiros.