Convocado o XVI concurso fotográfico de medio ambiente “Cervo Respecta”. O prazo para presentar os traballos está aberto ata o 22 de maio

O Concello de Cervo, a través da delegación de Medio Ambiente, convoca o XVI concurso fotográfico de medio ambiente Cervo Respecta 2026. “Os participantes poderán presentar un máximo de dúas fotografías, baseadas na temática xenérica do medio ambiente, inéditas e orixinais, sacadas en calquera lugar da Comunidade Autónoma de Galicia. Terán que ser imaxes de natureza viva, que sirvan de exemplo de conservación do noso medio. Deberanse presentar en formato dixital (JPEG), en alta calidade, a unha resolución mínima de 2.048 px. sen limitación de tamaño en MB; a través do correo medioambiente@concellodecervo.com. O prazo para presentar as imaxes remata o 22 de maio”.

Hai tres premios establecidos: un primeiro, un segundo, e o premio Top Cervo á mellor fotografía na que se identifique claramente algunha localización do municipio; dotados todos eles con figuras de cerámica de Sargadelos.

O fallo do xurado, composto por tres membros competentes na materia, farase público o 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente.

O certame foi presentado pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e pola edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, que animan a todos os amantes da fotografía a que participen no concurso, que é “un convite á reflexión, animando á cidadanía a coller as súas cámaras e inmortalizar instantes que transmitan respecto, beleza e os desafíos aos que se enfronta o noso medio natural; unha proposta que, ademais, permitirá achegarnos ao seu traballo a través da súa ollada e descubrir espazos e realidades singulares, como veñen facendo edición tras edición nesta iniciativa, que xurdiu co obxectivo de poñer en valor a nosa contorna natural e promover unha maior conciencia e compromiso co medio ambiente”, sinalaron.