
O Concello de Lourenzá anuncia a creación no municipio dunha asociación de mulleres rurais: “compartimos con moita ilusión a presentación da Asociación de Mulleres Rurais de Lourenzá, unha nova iniciativa que nace coa vontade de crear un espazo de encontro, participación e comunidade para as mulleres da nosa vila”.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, explica que “a asociación propón un amplo programa de actividades para compartir experiencias, aprender, desfrutar do tempo libre e fortalecer os lazos entre veciñas, con propostas como: arranxos florais, memoria e benestar, cociña e repostería, merendas e encontros, bingo e xogos, charlas de interese, excursións e saídas, rutas e cultura, e moitas máis ideas que irán xurdindo entre todas”. E destaca que é “unha magnífica nova para Lourenzá, que contribúe a seguir fortalecendo o noso tecido asociativo e a crear novos espazos de participación e convivencia”.
O Concello de Lourenzá felicita “ás promotoras e a todas as socias por esta iniciativa e deséxalles moitos éxitos nesta nova andaina. Xuntas facemos Lourenzá!”.


