
A Deputación de Lugo e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia poñerán en marcha unha programación formativa de 20 obradoiros gratuítos dirixidos á cidadanía, co obxectivo de “ofrecer ferramentas para identificar e combater a desinformación, fomentar o pensamento crítico e promover un consumo responsable da información no actual contexto dixital”. Así o anunciou no Pazo de San Marcos a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, xunto á decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira, durante a presentación desta iniciativa, que percorrerá 19 concellos da provincia ao longo de todo o ano, entre eles os municipios mariñáns de Barreiros, Burela, Foz, Trabada e Viveiro.
Carmela López agradeceu ao Colexio a implicación para promover esta proposta “útil, necesaria e moi conectada coa realidade que vivimos hoxe”, e destacou a importancia de impulsar estas accións que permitan á cidadanía desenvolverse con maior seguridade fronte á sobreinformación e á proliferación de contidos falsos. “Estamos permanentemente expostas á información e, moitas veces, tamén á desinformación. Mensaxes, vídeos, audios ou publicacións circulan a enorme velocidade e ás veces custa distinguir o que é certo do que non o é”, sinalou.
Neste sentido, a mandataria provincial puxo en valor o papel do xornalismo profesional: “detrás do xornalismo rigoroso hai contraste, responsabilidade e ética profesional. Hai persoas que dedican horas a verificar informacións, a buscar fontes fiables e a contextualizar o que contan”.
Os obradoiros están abertos ao público en xeral, serán impartidos por xornalistas colexiados e ofrecerán ferramentas prácticas para identificar bulos, contrastar informacións e promover hábitos de consumo informativo máis seguros e responsables.
Pola súa banda, Belén Regueira afirmou que o Colexio de Xornalistas leva xa tempo traballando a alfabetización mediática con público adolescente, pero “hai tempo que detectamos a necesidade e mesmo a urxencia de estender esta formación tamén ó público adulto porque a sociedade precisa ferramentas que permitan distinguir o xornalismo de calidade, pero tamén un consumo crítico da información”.
Os obradoiros contan cun máximo de 35 prazas e as persoas interesadas en participar nalgunha destas accións formativas deberán formalizar a súa inscrición en xornalistas@xornalistas.gal ou a través do seguinte formulario: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdDPLUNTfCBI8gFSLKJU0Pw-t8L4noGaMF2RummQat9yOK0Rw/viewform
A formación contra a desinformación chegará aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro.
A presidenta concluíu apelando á responsabilidade colectiva e á “necesidade de fomentar o espírito crítico á hora de compartir contidos. Non podemos resignarnos. Temos que aprender tamén a parar un momento antes de compartir algo ou de dar por certa unha información”, concluíu.


