
O día 28 de xuño arrinca unha nova edición do Mercado dos Domingos, que se desenvolverá na contorna da Praza de Abastos de Ribadeo. Está organizado polo Concello en colaboración coa asociación de produtoras A Sucadoira.
O alcalde ribadense, Dani Vega, contou que “volven os Mercados dos Domingos, que darán comezo o 28 de xuño e se prolongarán ata o 11 de outubro no entorno da Praza da Abastos. O que queremos é seguir con esa vocación de aposta clara polos produtos de proximidade, polos produtos de calidade e desde logo todas estas persoas, todos estes produtores teñen un espazo que xa tradicionalmente teñen en Ribadeo”.
E tivo palabras de agradecemento para A Sucadoira: “agradecer á asociación A Sucadoira todo o traballo que está facendo conxuntamente co Concello e coa co Xunta, agradecer tamén á Xunta con ese impulso económico que tamén nos dá para facer actividades de promoción, de difusión e tamén de dinamismo do propio mercado e tamén agradecer a Área de Desenvolvemento Local, tanto a Silvia como a Marta, todo o traballo que están facendo conxuntamente coa Sucadoira”.
Vega subliñou: “empezamos outra vez con Mercado dos Domingos. Recordade que será de 9 a 14 horas na contorna da Praza de Abastos mercado de proximidade, mercado de calidade, Mercado dos Domingos en Ribadeo”.
O Concello de Ribadeo explica tamén que o Mercado dos Domingos “contará coa participación de 15 produtores e produtoras locais. A iniciativa converterá este espazo nun punto de encontro entre a veciñanza e o sector produtor da comarca, ofrecendo unha ampla variedade de artigos de proximidade e de elaboración artesanal. Entre os produtos que se poderán atopar figuran os da horta, coitelería, setas, pan e outras elaboracións e propostas vinculadas ao territorio e á produción local. O obxectivo desta acción é apoiar o tecido produtivo de proximidade, dinamizar a contorna da Praza de Abastos e fomentar hábitos de consumo responsables e sostibles, reforzando ao mesmo tempo a conexión directa entre produtores e consumidoras e consumidores. Ademais da oferta comercial, o mercado contará con actividades de dinamización pensadas para complementar a experiencia de compra e contribuír a crear un ambiente atractivo, participativo e familiar arredor do produto local. Esta programación busca non só incentivar as vendas, senón tamén visibilizar a calidade, a diversidade e o valor engadido dos produtos de proximidade, así como o papel fundamental que desempeñan as pequenas produtoras e produtores na economía local”.


