En Trabada haberá un obradoiro contra a desinformación este sábado, 21 de novembro

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza este sábado, 21 de novembro, ás 12:00 horas na Casa da Cultura de Trabada un novo obradoiro de alfabetización mediática dirixido á poboación adulta. O taller, encadrado no programa de obradoiros contra a desinformación, organizado coa subvención da Deputación de Lugo, estará impartido por Carmen Quintela, e a asistencia é libre e gratuíta, sen necesidade de inscripción previa.

“A poboación desta localidade mariñá poderá así ter acceso a recursos e ferramentas para distinguir mellor o xornalismo de calidade e axudar a combater as noticias falsas”, explica a organización da actividade, que engade: “o obradoiro estará impartido pola xornalista Carmen Quintela Babío. Quintela, especializada na cobertura e investigación con enfoque de xénero, traballa actualmente a distancia como coordinadora editorial da Agencia Ocote, medio guatemalteco especializado en temas de xénero, medioambiente, memoria histórica e verificación; e colabora tamén en medios como elDiario.es. O seu traballo foi recoñecido en dúas ocasións co premio nacional de xornalismo de Guatemala e nunha co premio da Iniciativa para o Xornalismo de Investigación nas Américas do ICFJ e o traballo coordinado por ela No fue el fuego foi galardoado co Premio Gabo 2022 na categoría de cobertura. Como o resto de formadoras e formadores dos obradoiros, recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación”.

A asistencia ao acto é libre e gratuíta até cubrir a capacidade da sala, sen requirirse inscrición previa.