
O Concello de Xove anuncia que Escola Municipal de Música comezará as clases do novo curso o vindeiro 3 de outubro e as persoas interesadas en matricularse poderán formalizar a súa inscrición ata o 30 de setembro nas oficinas municipais.
A Escola Municipal de Música de Xove desenvolveu durante a xornada deste martes, 22 de setembro, unha actividade de divulgación musical nos centros educativos do municipio, desprazándose ata o IES Illa de Sarón e o CEIP Pedro Caselles Rollán para ofrecer unha serie de concertos didácticos dirixidos ao alumnado.
Mestres e alumnos da Escola participaron nestas actuacións, nas que interpretaron diferentes pezas musicais ao tempo que explicaban diversos recursos, elementos e formas musicais. A iniciativa “permitiu achegar a música ao alumnado dunha maneira dinámica e participativa, combinando a interpretación en directo coa vertente educativa e formativa”, explicou o Concello de Xove, que engade: “esta actividade enmárcase nas accións de promoción e difusión que a Escola Municipal de Música de Xove realiza ao longo do curso para fomentar o interese pola práctica musical entre os máis novos e dar a coñecer a súa oferta educativa. De cara ao curso 2026-2027 a Escola manterá as súas materias e actividades habituais, incorporando ademais un reforzo especial da educación vocal. Esta nova aposta estará dirixida non só ao alumnado infantil, senón tamén ao público adulto, coa finalidade de favorecer a creación e consolidación dunha actividade coral aberta á participación da veciñanza. Deste xeito, todas aquelas persoas que gocen do canto e desexen desenvolver esta afección terán a oportunidade de facelo a través da Escola Municipal de Música, participando nun proxecto coral colectivo que pretende converterse nun novo espazo de encontro e convivencia arredor da música”.


