Este sábado, 18 de xullo, seguen en Ribadeo os actos polo centenario do nacemento de Leopoldo Calvo-Sotelo

Este sábado, día 18 de xullo, seguirán en Ribadeo as celebracións polo centenario do nacemento de Leopoldo Calvo-Sotelo, o ex presidente do Goberno. Haberá una mesa redonda e a inauguración dunha exposición.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, anunciou: “este sábado seguimos coas celebracións polo centenario do nacemento de don Leopoldo Calvo-Sotelo Bustelo. Nesta ocasión teremos dúas actividades. Primeiro, ás once e media, unha mesa redonda moderada por Leopoldo Calvo-Sotelo Ibáñez-Martín, fillo do presidente, e na que participarán tres profesores: José Vidal Pelaz López e Pablo Pérez López, autores do libro Consolidar la Democracia, el gobierno de Leopoldo Calvo-Sotelo, catedráticos de Historia Contemporánea da Universidade de Valladolid e Navarra, respectivamente. E Jorge Lafuente, profesor de Historia e Instituciones Económicas da Universidade de Valladolid. Esta actividade será no Salón dos Alcaldes da Casa Consistorial”.

A edil ribadense engadiu que “a segunda actividade será no exterior. Á unha e media do mediodía terá lugar a inauguración dunha exposición fotográfica, que estará todo o verán na Praza Pancho Maseda. A familia de don Leopoldo escolleu un conxunto de fotografías para achegarnos ás distintas facetas da vida do presidente. Esta exposición será presentada por Pilar Calvo-Sotelo Ibáñez-Martín. Remataremos coa actuación musical dun grupo de profesores da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo”.

O pasado 14 de abril deron comezo en Ribadeo os actos conmemorativos cunha ofrenda floral no cemiterio municipal e un pleno extraordinario no que se declarou este 2026 como o ano dedicado a Leopoldo Calvo-Sotelo.