
Este sábado, día 23 de maio, terá lugar a entrega do II Premio Álvaro Cunqueiro de Novela a Luís Rei Núñez por Elas dúas. Será en Mondoñedo, no Salón de Plenos do Concello, nun acto que presidirá o alcalde, Manuel Ángel Otero Legide, onde tamén estarán presentes outras autoridades, membros da corporación, compoñentes do xurado e representantes de Galaxia, editora da novela gañadora.
Luís Rei Núñez recibirá de mans do alcalde o diploma e placa acreditativos da obtención do premio, así como tamén o primeiro exemplar publicado da obra.
O Concello de Mondoñedo lembra que este galardón lle foi outorgado por unanimidade a Luís Rei Núñez o pasado mes de decembro por un xurado composto por Ánxela Gracián, Rosalía Morlán, Marta Neira, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, aos que se sumou como secretario con voz e sen voto Alberto García Fernández, concelleiro de Cultura do Concello de Mondoñedo.
A novela premiada, Elas dúas, a xuízo do xurado destaca “pola forza narrativa amosada para reconstruír de xeito maxistral a Pontevedra de mediados do século XX, na que medra unha apaixonante historia de amor entre dúas mulleres que viven a súa relación alén das convencións sociais da época. Narrada con impecable oficio, este vívido retablo de personaxes sostén un relato no que o valor da amizade, a importancia da formación, a necesidade da raiceira familiar e, sobre todo, a luz do amor conforman un mapamundi de afectos e vivencias que converten estas páxinas nun admirable retrato do seu tempo e de todo tempo”.
No seu momento o xurado significou e agradeceu tamén o esforzo tanto do Concello de Mondoñedo como da Casa Museo Álvaro Cunqueiro na convocatoria do premio, que gozou dunha alta participación, con corenta orixinais presentados a concurso. Así mesmo o xurado deu as grazas polo seu apoio á Editorial Galaxia, responsable da publicación da obra gañadora, e á Secretaría Xeral da Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pola súa axuda en concepto de patrocinio.
Luís Rei Núñez (A Coruña,1958) é un dos máis destacados escritores e xornalistas galegos das últimas décadas. Como xornalista desempeñou boa parte da súa traxectoria profesional na TVG, onde foi Xefe da Sección de Cultura durante varios anos. Poeta e ensaísta, como narrador é autor dunha ducia de novelas, entre as que salientan algún dos títulos máis importantes do último cuarto de século, como Expediente Artieda (2000), Toda a vida (2005), O señor Lugrís e a negra sombra (2007), Monte Louro (2009), obras polas que recibiu galardóns como o Premio Xerais, o Premio da Crítica ou o Premio Blanco Amor, entre outros, aos que agora suma este Premio Álvaro Cunqueiro de Novela.


