
O Toxiza Gran Trail é un evento organizado polo Toxiza Clube de Montaña en Mondoñedo, co que se pretende “dar a coñecer a beleza dos montes que o rodean, a gastronomía e produtos típicos do municipio”. Terá lugar este sábado, día 5 de abril de 2025, e consta de catro carreiras de montaña e unha andaina: Ultra, de 60 quilómetros; Maratón, de 40 quilómetros; Trail, de 22 quilómetros; Minitrail, de 14 quilómetros; e Andaina, de 16 quilómetros.
A entrega de dorsais e bolsas do corredor farase o venres 4 de 18:00 a 21:00 horas e o sábado a partir das 7:00 no local da organización, na Praza da Catedral, lugar desde onde comezarán todas as probas: ás 8:00 horas, saídas de Maratón e Ultra; ás 09:00, saída da Andaina; e ás 10:30, saída Trail e Minitrail.
A organización tamén explica que ás 15:00 horas será o peche de meta para Trail, Minitrail e Andaina. Poucos minutos despois comezará o pincheo e a entrega de premios de Trail e Minitrail. No caso da Maratón e Ultra a entrega de premios farase “de maneira dinámica, segundo se vaian completando os caixóns de cada categoría”.