Este sábado, 8 de novembro, terá lugar en Mondoñedo o segundo sorteo da campaña "De compras polo comercio da Mariña Lucense", que organiza a FCAM

Este sábado, 8 de novembro, terá lugar en Mondoñedo o segundo sorteo da campaña De compras polo comercio da Mariña Lucense, que organiza a FCAM. En xogo estarán 500 en vales de compra.

Desde  FCAM a súa presidenta, Carmen Cruzado, explica que “todas as persoas que desde o 3 ao 8 de novembro fagan as súas compras nos negocios de Lourenzá e de Mondoñedo poderán participar no sorteo. So teñen que achegarse entre as sete e as oito da tarde pola Praza do Concello, en Mondoñedo, a obter as súas papeletas. Por cada tícket de compra que nos amosen recibirán un boleto para participar no sorteo que realizaremos a partir das 20:00 horas. Haberá tres premios en vales de compra de 250, 150 e 100 euros”. 

Cruzado Iglesias lembra que “o obxectivo desta campaña é unha forte aposta polas compras no pequeno comercio, nese que temos a carón das nosas casas. E imos facelo traendo á Mariña a persoas destacadas pola súa profesión no ámbito do xornalismo, a escritura, o deporte ou o cine. Queremos que sexan un reclamo comercial e por iso van vir pasar unha fin de semana con nós”.

Ata Lourenzá e Mondoñedo se achegarán esta fin de semana: Inés Butrón, escritora, profesora, divulgadora gastronómica e colaboradora do programa Gente Viajera, de Onda Cero; Fabián Pérez, xornalista e presentador de televisión en Mediaset, que actualmente traballa no programa Todo es mentira, de Cuatro, tamén é tertuliano na TVG; Leticia Sierra, escritora e xornalista que traballou en varios medios de Asturias, Salamanca e Madrid. O seu último libro é Lo que oculta la tierra, publicado pola editorial Planeta; e Carlos Arévalo, piragüista (medallista olímpico en Tokio e París en 2020 e 2024), gañador de 4 medallas nos Campionatos Mundiais en 2019 e 2025. 

A presidenta da FCAM indica que “o que faremos o sábado será visitar xunto a estes convidados o comercio local de Lourenzá pola mañá e diferentes enclaves turísticos deste concello. Pola tarde estaremos co sorteo en Mondoñedo, onde tamén terán a posibilidade de coñecer o seu casco histórico e a súa riqueza patrimonial. Esta visita servirá para que saboreen a exquisita gastronomía desta terra”. 

Desde a FCAM animan “á clientela dos negocios de Lourenzá e de Mondoñedo a achegarse este sábado á Praza do Concello, da cidade episcopal, ao segundo sorteo da campaña da FCAM De compras polo comercio da Mariña Lucense. Contamos cun gran comercio nesta comarca e cunha importante hostalería, que sempre sorprenden a quen nos visita ao longo de todo o ano. Desde a FCAM queremos seguir facendo Mariña, queremos contar con máis asociacións de comerciantes e hostaleiros nos pobos desta comarca para, entre todos, organizar máis eventos que contribúan á dinamización económica desta zona”. 

A campaña De compras polo comercio da Mariña Lucense está organizada pola FCAM e conta co financiamento da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia.