Mondoñedo celebrará as súas tradicionais feiras e festas de As Quendas do 29 de abril ao 1 de maio. O amplo programa de actividades, que está a ultimar a Asociación organizadora, será presentado o nos vindeiros días.
O pregón, previsto para o 29 de abril, será pronunciado por Claudia del Pino, profesional do turismo, formadora e guía de turismo oficial, traballou na oficina de turismo de Mondoñedo e é colaboradora habitual da Asociación As San Lucas. Será no auditorio Pascual Veiga ás oito e media da tarde.
O 30 de abril, ás 20:00 horas e tamén no auditorio mindoniense terá lugar a comedia ‘Nais’ de Marc Egea e dirixida por Javier Mariño. Elena (Eva Iglesias) e Carla (Inma Morandeira) son as protagonistas desta comedia de enredo chea de situacións disparatadas. Ambas coñécense por casualidade na sala de espera do xinecólogo. Elena é tradicional e non concibe a maternidade sen a existencia dun pai. Carla, pola contra, é unha executiva á que lle preocupa máis a súa carreira profesional. Entre elas saltan chispas pero o karma é caprichoso e non será, nin moito menos, a última vez que se atopen. A vida poñeraas cara a cara en diferentes etapas da súa vida. Conseguirán estes encontros achegar as súas posturas? Acabarán converténdose en inimigas íntimas? As entradas xa están a venda no portal www.woutick.es
O 1 de maio será o día grande das Quendas. Haberá feira tradicional de gando cabalar e festa da empanada, entre outras actividades. A música tamén estará presente na Alameda coas orquestras: Grupo Fusión, Ritmo Joven, Grupo Eureka e La Favorita.