
As feiras e festas de As San Lucas, que se celebran en Mondoñedo desde o ano 1156, serán deste o día 16 ata o 25 de outubro e comezarán co pregón do avogado Luis Rego Valcarce, que foi alcalde mindoniense do 1999 ao 2007. Será o venres 16 ás 20:30 horas no auditorio Pascual Veiga.
Na presentación do evento participou o deputado provincial Daniel García, que destacou que As San Lucas de Mondoñedo celebrarán do 16 ao 25 de outubro a súa edición 870 e “seguen sumando edicións como unha das feiras máis antigas das que se celebran en Europa”. No acto, celebrado no Concello de Mondoñedo, a Asociación As San Lucas de Mondoñedo presentou o cartel, deseñado por Diego Núñez, e desvelou o programa de actividades musicais, lúdicas e divulgativas que acompañarán a baixada dos cabalos do 17 e a feira tradicional de gando do 18, con concertos de The Rapants, Xabier Díaz, Abraham Cupeiro ou Luar na Lubre, anuncia a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O deputado Daniel García valorou o traballo desenvolvido pola organización: “o contacto é continuo ao longo de ano e sabemos que sentistes especialmemte sobre os vosos ombreiros o peso da historia e preparastes con moito esforzo e coidado esta 870 edición. As San Lucas son unha celebración moi especial para Mondoñedo, para a
Mariña e para todo país, porque nela encontrámonos coa orixe, coa raíz, cunha tradición na que nos recoñecemos, individualmente e tamén como pobo”, dixo o deputado que, como responsable de Rural no goberno provincial, lembrou a importancia da gandería para o futuro das San Lucas. “O corazón das San Lucas está na baixada dos cabalos e nos curros da feira, que dependen directamente da continuidade da gandería, especialmente da gandería extensiva -da cría de cabalos no monte-, como actividade produtiva, rendible, con relevo xeracional”, destacou na súa quenda de intervención, na que lembrou a Luciano García, da gandería Xan das Bouzas, falecido o pasado mes de xullo.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo anuncia que colabora “de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros”.
A área de Rural explica que "dá apoio organizativo e loxístico á feira gandeira. Nesta edición, tamén se poderá ver en Mondoñedo a exposición fotográfica Gardiáns, de Jorge Arévalo, que mostra desde o punto de vista documental e creativo o traballo en ganderías de razas autóctonas”. Ademais destaca que “o acto de presentación estivo marcado tamén pola lembranza de Luciano García, da gandería Xan das Bouzas, de Curros, falecido o pasado mes de xullo, un dos impulsores da baixada dos cabalos, un dos momentos máis icónicos das San Lucas”.
O deputado provincial de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, tamén participou este sábado na Casa do Concello de Mondoñedo na presentación dunha nova edición das San Lucas, “a feira máis antiga de Galicia que se celebrará do 16 ao 25 de outubro neste municipio mariñán”.
Cajoto Caserío recordou a capacidade de convocatoria desta celebración que “permite atraer cada ano milleiros de visitantes e ofrecerlles a oportunidade de coñecer Mondoñedo, a Mariña Lucense e todo o conxunto da nosa provincia”.
Así mesmo sinalou que a institución provincial impulsa esta nova edición cunha achega económica de 35.000 euros “reafirmando así o noso compromiso con aquelas celebracións que contribúen a dinamizar os nosos concellos”.


