
O Concello de Xove anuncia que “continúa a amosar o seu compromiso co tecido asociativo local colaborando coas distintas comisións de festas do municipio. Un ano máis, e con moita ilusión, a Asociación Cruz de Loureiro organiza a tradicional Festa de San Isidoro de Monte 2026, que terá lugar en Penas Agudas os vindeiros días 11 e 12 de abril”.
O sábado 11 celebrarase unha misa solemne, seguida dun xantar popular que estará amenizado polo dúo Belinda e o grupo Fénix. Ao longo da tarde desenvolverase un concurso de pasodobre e bachata. Para anotarse a este xantar está aberto o prazo de inscrición ata o día 8 de abril.
O domingo 12 a xornada comezará ás 10:00 horas cunha ruta de sendeirismo aberta a todas as persoas participantes, que poderá realizarse a pé, a cabalo ou en bicicleta, tal e como sinala a organización. Ao remate, haberá sesión vermú e un xantar acompañado de música, “creando un ambiente ideal para gozar dunha tarde de lecer e descanso tras a andaina”.
O Concello de Xove engade: “cómpre destacar que, durante ambos días, a festa contará cunha carpa acondicionada para garantir o seu desenvolvemento ante posibles inclemencias meteorolóxicas”.
A organización convida a veciños e visitantes a achegarse a Penas Agudas “para desfrutar dunhas xornadas cheas de festa, convivencia e moi bo ambiente”.
Na presentación do cartel o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e a concelleira de Cultura, Dolores Meitín, acompañaron a unha parte dos membros da comisión de festas: Antonio Paleo, Miguel Otero, Lorena Pérez e Antonio Liborio.


