
A asociación Movemento Artístico da Mariña (Movart- A Mariña) e a Librería Bahía de Foz organizan este venres, día 26 de setembro, ás 20:30 horas, na referida librería, a presentación do libro El huevo de la serpiente. El nido de ETA en Madrid, de Eduardo Sánchez Gatell, publicado pola editorial Betagarri Liburuak.
Movart A Mariña explica que “este libro é un testemuño en primeira persoa dos acontecementos que rodearon o atentado da Cafetería Rolando, o 13 de setembro de 1974, en Madrid; e unha profunda reflexión sobre os perigos do dogmatismo e as fatais consecuencias do uso da violencia coma ferramenta política. Á presentación acudirán o autor e a súa irmá, Mar Sánchez Gatell, quen ofrecerán aos asistentes unha perspectiva persoal daqueles sucesos”.
O Movemento Artístico da Mariña tamén anuncia que “coma complemento deste evento literario, o sábado 27 de setembro de 2025 ás 12:30 horas realizarase xunto ao mural do Movemento Artístico Pola Paz, situado fronte á Casa de Cultura de Foz, unha homenaxe á poeta Angelina Gatell, autora do poemario Poema del soldado, ganador do Premio Valencia de poesía do ano 1954, promotora da obra Con Vietnam 1968, recompilación de poemas de diversos autores en contra da guerra do Vietnam; muller comprometida e loitadora polas liberdades, e inspiradora da iniciativa artística e solidaria Movemento Artístico da Mariña (Movart- A Mariña). Neste acto de homenaxe descubrirase unha placa conmemorativa e a súa filla, Mar Sánchez Gatell, recitará poemas da autora, acompañada pola música de Felipe Sánchez (director da Escola Municipal de Música de Foz, e membro do grupo Toxo Guayaba)”.
Organizan estes actos o Movemento Artístico da Mariña (Movart- A Mariña) e a Librería Bahía de Foz, coa colaboración do Concello de Foz, ACIA Foz e a Escola Municipal de Música de Foz.