
O Concello de Cervo anuncia que “quenta motores para celebrar o Entroido cun programa diverso, participativo e pensado para todos os públicos, que terá como grandes protagonistas os tres desfiles que se celebrarán en Cervo, San Ciprián e San Román de Vilaestrofe. Tres escenarios, e un mesmo espírito festivo para converter o Entroido nun dos momentos máis agardados do calendario local”.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou durante a presentación que “o Entroido é unha das festas máis queridas pola veciñanza, unha cita que mestura tradición, creatividade e convivencia, e que cada ano demostra a enorme implicación do tecido asociativo do noso concello”.
A rexedora agradeceu especialmente “o traballo imprescindible das asociacións culturais e veciñais, en concreto de Airiños do Xunco e As Espalladoras, que organizan os entroidos de Cervo e San Román, respectivamente, coa colaboración neste último da Comunidade de Montes Veciñais de Vilaestrofe e da Asociación de Veciños, e a A.C. Comisión de Festas de Lieiro, que tamén venderá chocolate con sobremesas de entroido e bolos preñados, no Entroido de San Ciprián, sen as que sería imposible ofrecer unha programación tan completa e de tanta calidade”.
A alcaldesa puxo en valor “a variedade de propostas, os importantes premios e a aposta por animación musical en todos os desfiles, para que o Entroido se viva na rúa, en familia e tamén pola noite”.
O Concello de Cervo explica que “o domingo 15 de febreiro, Cervo dará o pistoletazo de saída ao Entroido co desfile que partirá do colexio ás 18:00 horas, con chegada á carpa instalada na Praza do Souto. O desfile estará amenizado pola Charanga Os Macanudos e ao remate a festa continuará coa sesión musical de DJ Conxuro. Haberá premios aos mellores disfraces individuais, parellas, grupos e comparsas, consistentes en figuras de cerámica de Sargadelos e cestas con produtos típicos de Entroido. As comparsas deberán estar integradas por máis de 8 persoas. As inscricións poderán realizarse a través dos teléfonos 629.95.17.61 (Raquel) e 617.31.32.07 (Rafa). As comparsas que se inscriban con antelación recibirán unha cesta con produtos típicos de Entroido. Organiza a asociación Airiños do Xunco”.
Ademais o martes 17 de febreiro, o Entroido “trasládase a San Ciprián, cun gran desfile que dará comezo ás 18:00 horas desde a Praza dos Campos, percorrendo as principais rúas da localidade. Este desfile contará cunha ampla dotación de premios, repartidos entre as categorías individuais, parellas, grupos, comparsas e categoría xuvenil, cun total de 2.280 euros. A animación correrá a cargo da Charanga Os Macanudos, e ao remate da entrega de premios a música continuará con DJ Aaron. Ademais a A.C. Comisión de Festas de Lieiro instalará un posto de venda na carpa da Praza dos Campos con chocolate, sobremesas, bolos preñados e empanadillas contribuíndo a crear un ambiente festivo e gastronómico. As inscricións para participar no desfile realizaranse na Casa da Cultura de San Ciprián, en horario de mañá, a partir do luns 26 de xaneiro ata o luns 16 de febreiro. Tamén ese día pola tarde poderán anotarse na carpa ata unha hora antes de que dea comezo o desfile As persoas inscritas con antelación recibirán vales de consumición para canxear establecementos hostaleiros locais e bolos preñados”.
E o Entroido no municipio de Cervo pecharase o sábado 21 de febreiro “cunha gran festa nocturna en San Román de Vilaestrofe, organizada pola Asociación Mulleres Rurais As Espalladoras, coa colaboración do Concello de Cervo, da Asociación de Veciños de San Román e da Comunidade de Montes. A cita será a partir das 22:00 horas no Pavillón de San Román, cun desfile e festa amenizados polo Grupo JB Son e a Discomóbil Conxuro. Haberá importantes premios para adultos e público infantil. As inscricións poden formalizarse no teléfono 656.272.802”.
A alcaldesa Dolores García Caramés animou a veciños e visitantes a participar: “queremos que a xente saia á rúa, se disfrace, participe e sinta o Entroido como unha festa aberta, alegre e compartida. Cervo é un concello vivo, e estes días demóstrano mellor ca nunca”.
Desde o Concello de Cervo convídase a toda a veciñanza e ás persoas que nos visiten a gozar dun Entroido “cheo de cor, música e diversión, no que tradición e festa volven ir da man”.
As inscricións para os tres desfiles estarán abertas desde o luns, 26 de xaneiro.


