Lionel Rexes presenta a súa novela “As donas da noite” o venres 19 de decembro en Alfoz

Organizada pola Concellaría de Cultura do Concello de Alfoz, o venres 19 de decembro ás 20:00 horas, na Casa da Cultura, terá lugar a presentación da novela As donas da noite, galardoada no X Concurso de Relatos Balbino e publicada por Edicións Fervenza, entidade que convoca o certame. Esta novela supón a cuarta obra narrativa longa do autor Lionel Rexes, tras A raíña das velutinas, A montaña do poeta e Nove lúas.

No evento estarán presentes os responsables da editorial, membros do xurado do certame, e representantes da Xunta e da Fundación Neira Vilas, entidades colaboradoras no concurso literario. O propio autor asinará exemplares ao final do acto.

Lionel Rexes explica que “As donas da noite é unha obra pensada para o público xuvenil, aínda que apta para calquera tipo de lector. O seu argumento enfronta dúas realidades (urbe/rural) en que os personaxes deberán desenvolverse aprendendo uns códigos para eles descoñecidos, pois trátase de persoas novas, en idade universitaria e habituadas ao ámbito urbano. Do mesmo xeito mestúrase na trama a materia lendaria, influída polas supersticións propias dos ámbitos máis tradicionais, coas actitudes irreflexivas inherentes á xuventude. Todo empeza cando catro estudantes, dúas rapazas e dous rapaces, deciden retirarse a unha aldea durante unha ponte festiva para artellar a implantación dun sindicato nas súas facultades. Na aldea deberán contactar cun individuo de mediana idade, alguén vinculado a círculos contestatarios disposto a orientalos e aconsellalos, mais, ao mesmo tempo, este personaxe inquietante irá introducíndoos nun submundo que a sociedade rural mira de esguello e con certo reparo. A partir de aí o desenvolvemento da acción tórnase vibrante por culpa dos celos, as desconfianzas, as traizóns e unha especie de maldición a planear sobre todos eles”.

A portada do libro foi deseñada polo fotógrafo e creador audiovisual valadourés Carlos Cornide “Belga”.