Luís Alberto López Muñoz presenta en Mondoñedo o seu libro “Galicia: Afectos y Vivencias” este venres, 20 de marzo

Luís Alberto López Muños presentará en Mondoñedo o seu libro titulado Galicia: Afectos y Vivencias. Será este venres, día 20 de marzo, ás 20:00 horas no Pazo Santomé.

O Concello de Mondoñedo explica que esta publicación é unha “obra de carácter intimista e autobiográfico a través de vivencias persoais acaecidas en Mondoñedo e outras áreas de Galicia. Luís Alberto López Muñoz, fillo do ilustre mindoniense Victoriano López, é un galego nado en Madrid que presenta en Mondoñedo Galicia: Afectos y Vivencias, na a súa localidade de referencia en Galicia durante toda a súa vida. Esta obra, de carácter intimista e, en parte, autobiográfica, achéganos feitos, afectos, anécdotas persoais e profesionais e, en definitiva, vivencias, tal como reza o título, acaecidas na vida de Luís Alberto a través de 10 capítulos que recollen 10 décadas diferentes da súa vida, dende a súa nenez ata o ano 2019. Luís A. López Muñoz, enxeñeiro do Estado retirado, é fillo de mindonienses que nace en Madrid onde se forma ata acadar o título de Enxeñeiro Industrial. Luís conta cunha ampla vida profesional no eido privado, no que creou e rexentou unha compañía de instalacións eléctricas, e no eido público con cargos na Junta de Energía Nuclear, da que formou parte, ou sendo un dos creadores da Feira de Artesanía de Segovia. Galicia: Afectos y Vivencias é produto das súas inquedanzas persoais e dunha vida profesional que favoreceu as súas viaxes, xa que por ter sido parte do corpo de enxeñeiros do estado, tivo que percorrer boa parte do territorio peninsular, incluída por suposto, Galicia, á que nunca deixou de lado, nin persoal nin profesionalmente. Así é que xurde esta obra cun importante pouso persoal e intimista que transmite as súas lembranzas en Mondoñedo, sobre todo, pero tamén noutras áreas de Galicia como Ourense ou Pontevedra, nas que tamén estivo”.

“O vindeiro venres ás 20 horas no Pazo Santomé, en Mondoñedo, acompañado do alcalde da localidade, Manuel Otero, e de Luís Joaquín Salaverri Cabanela, amigo de toda a vida; o autor achegaranos esta súa primeira obra literaria que fonda nos seus sentimentos e lembranzas en Galicia a través do enriquecedor pouso que dá a veteranía e a experiencia de vida.O Concello de Mondoñedo, así como o autor, quere trasladar este convite á cidadanía e convidala a asistir á presentación para facer un repaso entretido e ameno do noso pasado, dende unha perspectiva intimista, a través do foco de Luís Alberto López Muñoz”, remata o Concello de Mondoñedo.