A Mancomunidade da Mariña abre novas datas en novembro para participar nos Obradoiros con Corazón en Mondoñedo, Ribadeo, Trabada e Viveiro

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense vén de abrir novas datas para participar nos Obradoiros con Corazón en Mondoñedo, Ribadeo, Trabada e Viveiro, logo de que se esgotaran todas as prazas ás poucas horas de abrirse a inscrición.

Esta proposta de lecer, que chega este ano á súa terceira edición “cun gran éxito de participación, desenvólvese no contexto do produto turístico A Mariña Artesá que ten como principal obxectivo coñecer o xeodestino e poñer en valor a súa actividade artesanal a través de experiencias artesás inmersivas”.

A iniciativa, promovida pola Mancomunidade de Concellos da Mariña co apoio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, ten como principal novidade deste ano a colaboración na organización da Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña Lucense.

Neste caso a Mancomunidade e a Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña, como entidade colaboradora na organización, acordaron convocar novos obradoiros para os días 7, 8, 13, 14 e 15 de novembro para facilitar que todas as persoas que quedaron en lista de agarda poidan desfrutar destas actividades. As prazas que queden libres están abertas para que se inscriban todas as persoas interesadas, a través destes enlaces: artesaniadamariña.com e amarinalucense.gal/gl/a-marina-obradoiros-con-corazon

As prazas son limitadas, “xa que se trata de garantir unha experiencia próxima e personalizada na que os participantes poidan experimentar de maneira pausada e guiada. Os obradoiros terán un custo de entre 5€ e 10€ e a recadación será investida en accións de promoción da propia artesanía da Mariña”.