Gastronomía e innovación uníranse este domingo no comezo de AMODO, Conversas Arredor da Gastronomía na Mariña. Estes encontros gastronómicos, que terán lugar entre o domingo 1 e o martes 3 de decembro, están organizados pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense co obxectivo de mostrar a importancia da gastronomía no seu territorio.
O domingo 1 de decembro darase a benvida aos relatores participantes e aos periodistas especializados convidados ás xornadas, pertencentes a medios como El País, La Vanguardia, ABC... Desta forma comezará un press-trip no cal,durante os tres días de duración do evento, estes profesionais coñecerán de primeira man os atractivos da Mariña Lucense e a diversidade de produtos e proxectos que conforman o seu ecosistema gastronómico, así como o recentemente creado Colectivo Gastronómico da Mariña.
O día principal das xornadas será o luns 2 de decembro, no que terán lugar, no Auditorio da Fábrica de Sargadelos en Cervo,unha serie de conferencias e unha mesa redonda entre as 9:00h e as 17:30h. Estes eventos serán de balde e sen necesidade de inscrición previa, con acceso libre ata completar aforo.
A través de persoas destacadas no ámbito gastronómico e turístico como David Mora,director do máster de Turismo Gastronómico do Basque Culinary Center de San Sebastián; Pep Palau, fundador de Galicia Fórum Gastronómico e de Barcelona Fòrum Gastronòmic; ou María Solivellas, cociñeira(Ca Na Toneta, Mallorca. 1 estrela verde na Guía Michelin); abordáranse temas como a influencia da gastronomía no turismo e na cultura, e presentáranse proxectos gastronómicos afíns da man de profesionais como Lucía Freitas; cociñeira (A Tafona, Santiago de Compostela. 1 estrela Michelin) e coordinadora de Amas de Terra; Pepe Ferrer, embaixador gastronómico do Consello Regulador da D.O. Vinos de Jerez; ou Lluis Nel Estrada, director de Gastrollar e da Escuela Popular de Gastronomía Sostenible de La Ribera. Para rematar o día farase entrega do I Premio Merlín na Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, que recoñecerá a un proxecto gastronómico destacado.
O martes 3 de decembro poñerase o punto e final a AMODO, Conversas Arredor da Gastronomía na Mariña coa finalización do press-trip e a despedida aos profesionais e aos periodistas especializados.
Gastronomía e territorio
AMODO, Conversas arredor da gastronomía na Mariña é un encontro vinculado á gastronomía, organizado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense coa colaboración, na secretaría técnica de Jorge Guitián e Anna Mayer -profesionais no ámbito de proxectos gastronómicos- e do Colectivo de Gastronomía da Mariña.
Este evento nace do Plan Director de Turismo Gastronómico da Mariña, presentado o pasado mes de xuño en Viveiro, no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense que xestiona a Mancomunidade; cofinanciado entre esta entidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
O obxectivo desta convocatoria é posicionar ao territorio da Mariña como un espazo creativo e innovador que reflexiona sobre a súa realidade gastronómica, así como reforzar a gastronomía como un eixo fundamental da imaxe de marca do destino.
Programa da xornada do luns 2 de decembro
9:00h - Inauguración oficial por parte de autoridades e presentación.
9:30h - SESIÓN I: Dar visibilidade, xerar imaxe de destino.
• 9:30h - David Mora. Director do master de Turismo Gastronómico do Basque Culinary Center de San Sebastián.
• 10:15h - Pep Palau. Fundador de Galicia Fórum Gastronómico e de Barcelona Fòrum Gastronòmic.
11:00h - Tempo para pausa-café e visitas libres.
12:30h - Mesa redonda: A gastronomía desde unha perspectiva cultural.
• Claudia Polo. Escritora e comunicadora gastronómica (Zaragoza).
• Rosa Molinero. Xornalista e escritora (Barcelona).
• Yanet Acosta. Xornalista e docente. Directora de The Foodie Studies (Madrid).
• María Solivellas. Cociñeira (Ca Na Toneta, Mallorca. 1 estrela verde na Guía Michelin).
13:50h - Tempo para a comida.
15:45h - SESIÓN II: Proxectos afíns.
• 15:45h - Lluis Nel Estrada. Director de Gastrollar e da Escuela Popular de Gastronomía Sostenible de La Ribera.
• 16:15h- Pepe Ferrer. Embaixador gastronómico do Consello Regulador da D.O. Vinos de Jerez.
• 16:45h - Lucía Freitas. Cociñeira (A Tafona, Santiago de Compostela. 1 estrela Michelin) e coordinadora de Amas de Terra.
17:30h - Remate oficial da xornada de conferencias.
A xornada rematará coa entrega do I Premio Merlín na Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, en Mondoñedo, co que se recoñecerá un proxecto gastronómico.