
O Pazo de San Marcos, en Lugo, acolleu este martes a presentación da XIII edición do torneo de fútbol sala base Heroes do Orzán, que reunirá na Mariña equipos de base en memoria de Rodrigo Maseda Lozano, policía burelés que perdeu a vida ao intentar rescatar a un mozo na praia coruñesa do Orzán en 2012 xunto a outros dous compañeiros -José Antonio Villamor e Javier López-
O torneo, organizado pola Fundación Imdecum co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, celebrarase do 25 ao 29 de xuño en pavillóns de Burela (Vista Alegre e Monte Castelo), San Cibrao (A Veiga), Xove, Viveiro e Foz (Marzán), “unha sede compartida que estende pola comarca o seu impacto social e económico, ademais de reforzar a proxección do Burela FS como referente deportivo”, explica a Vicepresidencia da Deputación, que anuncia: “o torneo reunirá máis de 1.100 xogadoras e xogadores de 97 equipos de todas as categorías de base, desde biberón ata xuvenil, que xogarán uns 200 partidos. Entre os participantes hai clubs de Galiza, pero tamén de Castela León, Madrid, Asturias, Cantabria e Portugal”.
A presentación contou coa presenza de Isabel Lozano, nai do homenaxeado; Efrén Castro, vicepresidente da Deputación; Daniel García, deputado de Rural, Mar e Mocidade; Marcelino Luna, presidente da Fundación Imdecum; Alfonso Mera, coordinador do torneo; do tenente de alcaldesa de Burela, Mario Pillado, do concelleiro viveirense Domingo González López e do xefe territorial de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Otero Méndez, así como de Zaira Dapena, representante de Abanca, colaborador privado da proba.
No acto Efrén Castro e Daniel García ratificaron o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo á organización do torneo, que “mantén no ámbito público a memoria de Rodrigo Maseda Lozano e dos seus compañeiros a través dun medio tan poderoso e transversal como é o deporte”.
Isabel Lozano agradeceu “os moitos e importantes recoñecementos ao meu fillo, e o agarimo cara el a cara a familia, que nos axudan a levar a súa ausencia” e valorou que esta homenaxe se faga con xogadores e xogadoras da base, “enchendo os polideportivos da Mariña dos más grandes, aínda que sexan pequenos”.
“A organización xestiona nestes días o aloxamento dos equipos de fóra da comarca que se hospedarán fundamentalmente en hoteis de Viveiro, Cervo, Foz, Burela e Barreiros. Á demanda xerada polos participantes súmase a de familiares e acompañantes, que multiplicarán o impacto económico do evento na hostalería da comarca”, destaca a Vicepresidencia da Deputación.


