Maureen Choi Quartet actúa mañá, sábado, no auditorio municipal de Ribadeo, polo que tamén pasará este domingo o actor Sergio Pazos.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, dixo que “en Ribadeo temos unha fin de semana chea de actividades. Gozaremos de boa música o sábado e dun coñecido monologuista o domingo”.
A edil ribadense explicou que “mañá, sábado, actuará en Ribadeo Maureen Choi Quartet. Maureen Choi é moito máis ca jazz e música latina, o seu espectáculo en directo é unha apaixonante viaxe co violín como voz principal e co jazz, a improvisación e a delicadeza da música clásica como vehículo de expresión. Os seus compañeiros de cuarteto nesta aventura musical son: Daniel García, pianista de jazz e director musical do exitoso Hoy no me puedo levantar; Mario Carrillo, contrabaixista e arregrista formado en Estados Unidos, e Michael Olivera, batería cubano, un habitual da escena jazzística de Madrid. O concerto será este sábado ás 20:30 horas no auditorio municipal Hernán Naval. O prezo da entrada é de 10 euros a xeral, e de 5 euros a reducida para persoas desempregadas, estudantes ou xubiladas”.
Begoña Sanjurjo contou que “o domingo, visítanos un actor moi coñecido a nivel galego e estatal. Sergio Pazos segue sendo un grande triunfador en series televisivas mais non renuncia ao teatro e ao contacto directo co público. Neste caso, como monologuista, presenta o seu Depende! en Ribadeo. Será tamén no auditorio ás 20:30 horas. O prezo da entrada é de 10 euros”.
E engadiu: “deste xeito arrinca a axenda cultural do Concello de Ribadeo para o segundo trimestre do ano, que iremos dando a coñecer estes días”.