Mondoñedo pon en marcha a iniciativa promocional “O son das campás no Camiño”

O director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa, xunto co delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Alfonso Villares, participaron en Mondoñedo na presentación de O son das campás no Camiño, unha iniciativa impulsada pola Asociación O Camiño Norte co apoio de Turismo de Galicia.

A Xunta de Galicia explica que O son das campás no Camiño “naceu coa vontade de fomentar o asociacionismo, a colaboración cidadá e a participación dos distintos axentes locais, recuperando unha tradición vinculada á historia e á identidade de Mondoñedo. Ao mesmo tempo, pretende converter o patrimonio sonoro local nun novo atractivo para as persoas que percorren o Camiño do Norte. O proxecto recupera o significado que historicamente tiveron as campás como elemento protector das comunidades, convertendo este son nun espazo de encontro cultural e musical entre a poboación local, visitantes e peregrinos, no que conflúan patrimonio, música, tradición e espiritualidade”.

Ademais indica que O son das campás no Camiño “estrutúrase en tres ámbitos de actuación. A primeira proposta é Paula e o Peregrino, que se desenvolverá tres días á semana durante o período do proxecto. Ten lugar media hora antes do inicio da Misa do Peregrino, que se celebra diariamente na Santa Igrexa Catedral Basílica de Mondoñedo ás 20.00 horas e dura uns 15 minutos”.

A asociación De Catedral a Catedral busca “poñer en valor o patrimonio material e inmaterial da cidade e potenciar a súa oferta cultural, ao tempo que contribúe á dinamización económica e turística da comarca. A actividade pretende que, ademais do campaneiro, cinco peregrinos poidan participar directamente no toque manual das campás. Con máis de 1.300 quilos de peso, A Paula constitúe un dos símbolos sonoros de Mondoñedo e presenta a singularidade de ter conservado o seu toque manual tradicional, sen chegar a ser electrificada”.

A Xunta engade que “a segunda actividade leva por título A conversa das campás e desenvólvese dúas veces ao mes. De maneira rotatoria, tocaranse manualmente as campás das distintas igrexas de Mondoñedo, unha de cada vez, ás que responderán posteriormente as campás da Catedral. Finalmente unha vez ao ano celebrarase O Son das Campás no Camiño, un concerto de campás no que participan os campanarios das igrexas de Mondoñedo, tendo como principal referente o campanario da Santa Igrexa Catedral Basílica”.

O Goberno galego destaca que “a proposta contribúe a ampliar a oferta cultural vinculada ao Camiño de Santiago e a ofrecer ás persoas peregrinas novas formas de coñecer e experimentar o patrimonio das localidades polas que discorre a ruta”.

A Asociación O Camiño Norte. De Catedral a Catedral está integrada por tecido empresarial de Mondoñedo e naceu co obxectivo de “promover o Camiño do Norte e poñer en valor a relevancia histórica, cultural e patrimonial de Mondoñedo como cidade fundamental da ruta xacobea cara a Santiago”.