No Mercadiño na Primavera de Barreiros, que será este domingo, 18 de maio, haberá degustacións de tenreira e cordeiro

O Concello de Barreiros anuncia que se presentou na Praza do Concello de Barreiros o programa Un gusto de rural, un rural degusto, da Área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que achegará ao Mercadiño na Primavera -este domingo, día 18 de maio- degustacións elaboradas con carne de razas autóctonas. Desta volta ofreceranse minihamburguesas de tenreira de raza Caldelá e croquetas de cordeiro de raza Ovella Galega. Ámbalas dúas estarán elaboradas con produtos de proximidade e procedentes de dous criadores da zona como son: Alejandro Salvatierra (A Pontenova ) e Luis Fernández (Riotorto). Ademais disto, Pastelería Obradoiro elaborará un petisco especial para a merenda das crianzas.

As degustacións serán entre as 12:30 e as 14:30 horas e os vales para catar estes bocados repartiranse nos postos do mercadiño coas compras realizadas.

Colaboran nestas degustacións a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA) e A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta.