
O Concello de O Vicedo organiza unha ruta de kaiaks para este mércores, día 15 de xullo, e na Casa da Cultura pode visitarse unha exposición sobre o futbolista local Kubala, mostra que estará aberta ata este domingo 19.
“Continúan os Mércores de Natureza cunha actividade xa tradicional como son as rutas de kaiaks o mércores 15 ás 11 horas. Farase unha ruta polo entorno do porto do Vicedo e pola ría percorrendo as principais praias da contorna. O punto de encontro será o peirao do Vicedo. O prezo é de 20 euros por persoa”, explica o Concello do Vicedo, que tamén anuncia: “a outra actividade, neste caso solidaria, é a II Marcha Contra o Cancro. Unha ruta curta entre a ponte vella sobre o Sor e a Casa da Cultura do Vicedo que se celebrará o domingo 19 ás 11 horas. Xa está aberta a posibilidade de inscrición online e ata o venres tamén podedes anotarvos presencialmente na Casa da Cultura de 11 a 13 horas. O prezo das dúas opcións é de 10 euros e dávos dereito a unha camiseta. Tamén hai a posibilidade de participar solidariamente nunha fila 0 para a causa da loita contra o cancro”.
Ademais o Concello do Vicedo sinala que esta é a última semana da exposición sobre Kubala, onde se repasa a súa amplísima traxectoria no deporte local. Está aberta no horario da Casa da Cultura, de 10 a 14 e de 19 a 21 horas.


