
Este mércores, 10 de xuño, terá lugar unha charla de Arelas. A actividade enmárcase na programación do Orgullo LGTBI de Ribadeo.
Desde o CIM indican que “o Orgullo tamén é aprender, escoitar e acompañar”. E explican que “dentro da programación do Orgullo LGTBI de Ribadeo, temos o pracer de contar coa charla de ARELAS, asociación de familias de infancia e mocidade trans de Galicia, unha entidade de referencia no acompañamento, apoio e visibilización das realidades trans.
Trátase dun espazo para coñecer mellor as vivencias da infancia e mocidade trans, resolver dúbidas e derrubar prexuízos. Porque celebrar o Orgullo tamén significa promover a empatía e garantir que todas as persoas poidan vivir con liberdade e dignidade”.
A charla será impartida por Cristina Palacios, traballadora social de Arelas, no Salón dos Alcaldes, ás 19:45 horas.
Desde o CIM e desde a Concellería de Igualdade animan a asistir: “anímate a participar e axúdanos a construír un Ribadeo máis diverso, igualitario e acolledor para todas as persoas”. Para calquera información o teléfono do CIM é 982 120 739.


