O vindeiro sábado, 11 de novembro, terá lugar en Burela o sétimo e último sorteo da campaña de A Mariña Federación, que daba comezo o pasado mes de setembro. Será ás 20:30 horas na praza do Concello. En xogo estarán 1.500 euros en vales de compra.
Aquelas persoas que realicen as súas compras entre os días 5 e 11 de novembro nos establecementos asociados ao CCA burelés poderán canxear os seus tíckets de importes superiores a 10 euros por papeletas para participar no sorteo presencial que se celebrará este sábado en Burela. Ese día entre as 11 e as 14 horas pola mañá e entre as 17 e as 20:30 horas pola tarde será cando se poidan obter as papeletas na carpa que a FCAM instalará na praza do Concello.
En Burela, ao igual que xa aconteceu en Ribadeo, en Foz, en Xove, no Vicedo, en Covas e en Viveiro sortearanse 1.500 euros en vales de compra, divididos nos seguintes premios: un de 500 euros, un de 300 euros, un de 200 euros e 5 de 100 euros cada un. Os afortunados e afortunadas deberán consumilos durante a seguinte semana á da celebración do sorteo nos establecementos asociados ao CCA de Burela.
A FCAM destinou máis de 10.000 euros aos premios desta campaña para dinamizar as compras no comercio local.