O barrio das Corporacións, en Foz, celebrará o San Xoán o 23 de xuño e actuará o grupo musical Festicultores

O luns 23 de xuño en Foz o San Xoán celebrase da man da asociación Pé do Molete, coa colaboración do Concello de Foz e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O barrio das Corporacións, coma cada ano, terá a súa fogueira e haberá animación durante todo o día. O pregón darao Juan Prendes Menéndez, máis coñecido en Foz como Juanry, ás 13:30 horas. Logo haberá paella e á noite churrasco, chourizos e queimada coa tradicional fogueira. A xornada estará amenizada pola batukada Kombarullo, O Feitizo, Dj da casa e Festicultores.

“Dende o Concello de Foz queremos agradecer a boa disposición das asociacións coma Pé do Molete que continúan coas tradicións dos barrios do pobo”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, indica que “a de San Xoán é unha noite máxica que dá inicio ao verán, que en Foz significa tamén encontro e que agardamos que a época estival deste ano permaneza no noso recordo”.

A  Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora na organización do San Xoán do barrio das Corporacións, en Foz, coa actuación dos Festicultores. 

O deputado de Mocidade, Daniel García, participou na presentación desta celebración popular e valorou “o traballo da asociación organizadora que con esta xornada festiva reúne a veciñanza e da continuidade a unha celebración como o San Xoán, con ritos e tradicións que forman parte da nosa tradición e patrimonio cultural". 

A participación no programa do San Xoán das Corporacións encádrase nas programacións que a Vicepresidencia da Deputación desenvolve para impulsar a presenza da música tradicional, da animación de rúa e da música en galego en citas festivas e culturais de todas as comarcas, reforzando a actividade que desenvolve o tecido asociativo.