
O CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove cumpre no presente curso 2025-2026 os seus cincuenta anos de vida. O centro comezou a funcionar durante o curso 1975-76, concentrando todas as escolas unitarias do concello distribuídas polas distintas parroquias, agás unha unidade das Gulpilleiras (na Rigueira) e outra de Lago, que se integrarían no colexio entrada a década dos oitenta. O Concello de Xove explica que “a posta en funcionamento do colexio supuxo un cambio radical non só no ensino senón en moitos hábitos sociais da veciñanza, fundamentalmente na poboación escolar. Por este motivo, o centro está a preparar unha serie de actividades para conmemorar este medio século de historia, que se prevén celebrar no mes de maio do presente ano. Para facelas realidade, o colexio solicita a colaboración da veciñanza de todo o concello, así como de persoas de Xove ou vencelladas ao municipio que tivesen relación co centro”.
O colexio busca recompilar fotos das antigas escolas unitarias e de grupos de alumnos/as das mesmas; tamén imaxes do proceso de construción do edificio, material escolar daquel curso 75-76, así como libros de escolaridade do alumnado que rematou ou iniciou a súa formación naquel primeiro curso de funcionamento. Igualmente, serán benvidas fotografías relacionadas con aqueles primeiros anos de vida do único centro de infantil e primaria do concello, “un feito que merece unha celebración especial”.
O equipo directivo do centro agradece de antemán a cesión de fotografías e de todo tipo de material para conmemorar este evento. Así mesmo, agradece a colaboración do Concello de Xove, co que xa se mantivo algunha reunión e que “amosou a súa total implicación nesta celebración”.
Pola súa banda, dende o Concello de Xove maniféstase que colaborará “en todo aquilo que sexa necesario para conmemorar unha data tan sinalada como o 50 aniversario da fundación do centro. Considérase fundamental dar a relevancia que merece a creación desta agrupación escolar, que,
xunto co Colexio de Palmeiro, supuxo no seu momento un fito moi importante para a comunidade educativa e para o propio concello, contribuíndo de maneira decisiva ao seu desenvolvemento social e educativo”.
Así mesmo o Concello de Xove reitera a petición realizada desde o centro educativo para que aquelas persoas que dispoñan de fotografías ou material gráfico dos primeiros anos de funcionamento do CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán poidan achegalos, co obxectivo de enriquecer e preservar a memoria histórica do centro.
O Concello de Xove “queda á disposición da organización do aniversario para colaborar nas distintas iniciativas que se están a levar a cabo, reafirmando así o seu compromiso coa educación e coa posta en valor da historia educativa local”.


