
O Ciclo de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo levará novas representacións aos concellos de O Valadouro, A Pontenova, Alfoz e Cervo. Esta iniciativa “supón unha axuda para o mantemento do tecido cultural e das agrupacións teatrais amadoras, ao tempo que permite aos concellos e asociacións ampliar as súas axendas culturais”.
O Grupo de Teatro do Hospital ofrecerá a obra Paga e Cala este sábado, 28 de novembro, ás 19 horas no Centro Sociocultural Manuel Lourenzo, de O Valadouro. É unha representación para todos os públicos con esta sinopse: “mentres un grupo de teatro está a facer un ensaio xeral, nas vésperas da estrea recibe unha notificación que anuncia unha catástrofe económica, o que pon en perigo a estrea da obra e o futuro do grupo. Unha chantaxe, que non será sinxela de resolver, unha serie de visitas inoportunas e un feixe de situacións cómicas, darán paso a un final, canto menos, desacougante”.
Nova Escena escenificará E.L. (Expectativa Lonxana) este sábado, 28 de novembro, as 19 horas na Escola de Xudán (A Pontenova). É para maiores de 14 anos e ten esta sinopse: “catro mulleres atópanse de casualidade no mesmo banco dun parque. Cada unha delas quedou alí co que agarda sexa o seu novo e definitivo amor. Na espera, o que en principio semella un encontro irreconciliable, acaba abrindo catro universos íntimos que teñen moito máis en común do que se podería agardar. Como iluminadas pola reflexión sempre confiei na bondade dos descoñecidos, as amigas van desvelando os seus desexos e fantasías, a miúdo difíciles de acadar nun mundo no que o xeito de establecer vínculos é cada vez máis intanxible e difícil, convertendo a busca da súa parella, do seu home, nunha auténtica aventura para facer realidade a Expectativa Lonxana de atopar o amor. De atopalo a EL”.
O Centiño representará O autobús este sábado, 28 de novembro, ás 20 horas na Casa da Cultura de Alfoz e o domingo, 29 de novembro, ás 19 horas no Pavillón de San Román de Vilaestrofe (Cervo). É para todos os públicos e a sinopse é: “esta é unha viaxe chea de situacións absurdas e humorísticas protagonizadas por un grupo de pasaxeiros moi diferentes entre si: Matías, un xubilado que utiliza o autobús para combatir a soidade; Rafael, un profesor tímido e nervioso, Beverly, unha esteticista sofisticada que tenta conquistar o mundo co seu encanto; Miss Stapleton, turista inglesa con equívocos culturais; Dona Charo e Bartolo, que representan a vida cotiá e rural, achegando escenas cómicas relacionadas coas compras e os animais. A acción desenvólvese integramente no interior dun autobús conducido por Roxelio, un chofer experimentado pero algo despistado. A peza combina retranca, crítica social e humor para ofrecer unha visión divertida e humana da sociedade”.


