
Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres (25 de novembro), o Concello de Alfoz desenvolverá diversas actividades de sensibilización baixo o lema As feridas non sempre se ven. Serán os días 29 e 30 de novembro, sábado e domingo.
O Concello de Alfoz anuncia que “este lema quere facer visible que as mulleres que foron ou están feridas non sempre se ven, e que moitas das feridas causadas pola violencia non son visibles a simple vista, xa que tamén existen as que deixan marca no plano emocional, psicolóxico ou social. Durante a semana do 25 de novembro, a Casa do Concello tinguirase de violeta como símbolo da loita contra as violencias machistas. Ademais farase entrega de bolsas de tea co lema da campaña tanto ao alumnado do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro como nas actividades dirixidas á poboación adulta. Entre as accións programadas destacan: sábado 29 de novembro ás 19:00 horas na Casa da Cultura de Alfoz a escritora Carmen V. Valiña presentará o seu libro As tolas que non o eran, no que fala das mulleres internas no manicomio de Conxo entre 1885 e 1936 por non levar unha vida exemplar: aldeás, pobres, analfabetas, rebeldes... unha forma de violencia cara ás mulleres; e o domingo 30 de novembro, na Casa da Cultura:
Celebrarase un taller de defensa persoal para mulleres, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, con prazas limitadas a un mínimo de 7 participantes (as inscricións poden realizarse ata o 24 de novembro no Concello ou chamando ao teléfono 982.585.001 extensión 6). Estas accións forman parte do compromiso do Concello de Alfoz coa igualdade e coa erradicación de todas as formas de violencia machista, promovendo a concienciación social e o empoderamento das mulleres”.
A programación está organizada polo Concello de Alfoz e conta coa colaboración da Xunta de Galicia (Consellería de Política Social e Igualdade), do Ministerio de Igualdade e do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.


