O Concello de Alfoz organiza un curso de pádel, para o cal están abertas as inscricións ata o 30 de maio

O Concello de Alfoz amplía a súa programación deportiva cunha nova actividade: un curso de pádel que se desenvolverá entre o 7 de xuño e o 5 de xullo, e que está dirixido a nenos e nenas desde os 6 anos, mocidade e persoas adultas. As inscricións están abertas ata o día 30 de maio.

Esta proposta, que se ofrece por primeira vez no municipio, terá lugar os luns e sábados pola tarde, cunha distribución de horarios por tramos de idade: de 6 a 12 anos, sábado de 16:00 a 17:00 horas (gratuíto); de 13 a 17 anos, luns de 19:00 a 20:00 horas e/ou sábado de 17:00 a 18:00 horas (gratuíto); e maiores de 18 anos: luns de 20:00 a 21:00 horas, sábado de 18:00 a 19:00 ou de 19:00 a 20:00 horas, que deberán pagar 10 euros ao mes por unha sesión semanal ou 15 euros ao mes por dúas sesións semanais. As inscricións poderán formalizarse no Rexistro do Concello ou a través da Sede Electrónica.

O Concello de Alfoz explica que “o obxectivo desta iniciativa é fomentar o deporte base, a práctica saudable e o aproveitamento dos espazos deportivos municipais por parte de toda a veciñanza”. E convida á participación nesta nova actividade, “pensada para todos os públicos e con horarios accesibles para conciliación familiar e laboral”.