
O Concello de Alfoz pon en marcha unha nova edición do programa ActivaMENTE, unha iniciativa dirixida a pensionistas e persoas maiores de 55 anos que busca promover o envellecemento activo e saudable a través da estimulación cognitiva. As sesións desenvolveranse no Centro Sociocultural de Alfoz a partir do 13 de outubro e a inscrición permanecerá aberta durante todo o ano.
“O programa ofrece un espazo de aprendizaxe, participación e socialización no que se traballan aspectos como a memoria, a atención, a linguaxe, o razoamento ou a orientación, favorecendo así o mantemento das capacidades mentais e o benestar emocional das persoas participantes”, explica o Concello de Alfoz. E a alcaldesa, Efigenia Maseda, salientou que “ActivaMENTE é un programa moi valorado pola veciñanza de máis idade porque ofrece un espazo para manterse activa, relacionarse, compartir experiencias e, ao mesmo tempo, coidar do seu benestar físico, mental e emocional”.
As persoas interesadas poden obter máis información e formalizar a inscrición no Concello de Alfoz ou chamando ao 982.55.80.01.


