
O Concello de Barreiros, a través da súa Aula Mentor, abre o prazo de inscrición para unha nova convocatoria de cursos formativos en liña, totalmente gratuítos e dirixidos a persoas adultas que desexen mellorar as súas competencias profesionais e dixitais. O prazo de matriculación manterase aberto ata o 10 de novembro.
As persoas interesadas poden inscribirse ou solicitar máis información na Aula Mentor de Barreiros, a través do teléfono 666.87.59.46 ou no correo electrónico barreiros@aulamentor.es. As prazas son limitadas e ocuparanse por rigorosa orde de inscrición, explica o Concello de Barreiros.
Os cursos, cunha duración aproximada de 60 horas para facer en 2 meses a partir do 12 de novembro, impártense en liña e contarán con titorías personalizadas.
Nesta convocatoria os cursos ofertados son: introdución ao sistema operativo Linux e á súa interface de liña de comandos; coñecemento das tecnoloxías que conectan dispositivos e obxectos intelixentes; boas prácticas e ferramentas para protexer a privacidade e os datos en liña; habilidades e competencias para o éxito no entorno laboral do século XXI; aproximación á IA e aos seus usos actuais en diferentes sectores; primeiros pasos na análise e interpretación de datos; aprendizaxe dos fundamentos das redes informáticas e da súa estrutura; formación no uso básico desta ferramenta de xestión de clientes (CRM); aprendizaxe avanzada na configuración e administración da plataforma; e fundamentos da cinemática, dinámica e enerxía, ideais para iniciarse nesta disciplina científica.
O Concello de Barreiros “segue co seu compromiso de ofertar formación continua e en igualdade de oportunidades que permita á veciñanza do rural acceder a programas de aprendizaxe de calidade e sen desprazamentos. A través da Aula Mentor e da Aula CeMIT de Barreiros búscase reducir a fenda dixital e fomentar o desenvolvemento persoal e profesional poñendo en igualdade de condicións ás veciñas e veciños de concellos pequenos fronte as persoas das zoas urbanas”.
 
        

