O Concello de Barreiros organiza actividades de Entroido para os días 18 e 20 de febreiro

O Concello de Barreiros organiza actividades para celebrar o Entroido o mércores 18 e o venres 20 de febreiro e anuncia que “o Entroido volve a Barreiros cunha programación chea de alegría, disfraces e ganas de pasalo ben, con dúas citas imprescindibles para pequenas e grandes”.

O mércores 18 de febreiro haberá unha festa infantil de Entrodio no CEIP de San Cosme de 9:30 a 13:30 horas: “un espazo pensado para a cativada, con música, xogos e merenda típica do Entroido incluída. Inscricións abertas ata o 16 de febreiro, cun tope de 60 prazas”.

E o venres 20 celebrarase o Desfile de Entroido, con saída ás 21:00 horas desde a Praza do Concello. “Comparsas, charangas, grupos e disfraces individuais volverán encher as rúas de San Cosme de cor, creatividade e bo humor. Como novidade, contaremos con pulpería, tanto ao mediodía como pola noite. Primeiro para coller folgos e logo para repoñer forzas e alongar a festa como manda o Entroido”, anuncia o Concello de Barreiros, que agradece “un ano máis, a implicación das comparsas locais, Habelas Hainas e Os Macanudos, e de todas as persoas que fan posible este desfile e colaboran na programación do Entroido de Barreiros”.

As bases, as inscricións e toda a información está dispoñible na web municipal: www.concellodebarreiros.gal.