
O Concello de Barreiros organiza o día 27 de novembro, xoves, un encontro da terceira idade para maiores de 67 anos. Haberá xantar e baile nunha carpa que se instalará na Praza do Concello.
“Despois de 6 anos de goberno no que traballamos intensamente para sacar a flote a economía municipal, neste ano os números comezan a acompañarnos. E cremos que é de xustiza celebrar un encontro que leva moitos anos sen celebrarse en Barreiros e que ten que ser un recoñecemento do traballo e esforzo da nosa veciñanza máis maior. Así que o xoves 27 organizamos un xantar con actuacións musicais e moita festa e momentos para as anécdotas. Aínda que os números melloran, non queremos crear un prexuízo ás arcas locais, polo que se aprobou un prezo para axudar a sufragar o evento: 15 euros para as persoas xubiladas empadroadas e, se queren traer unha persoa acompañante, non xubilada e/ou non empadroada, terá que aboar 35 euros. A retirada das tarxetas realizarase nas oficinas xerais municipais, previo pago do custe correspondente na conta do Concello de Barreiros na Caixa Rural. A data tope para retirar as entradas é o venres, 21 de novembro, ás 14:00 horas. Nos vindeiros días as persoas maiores de 67 anos, ás que vai dirixido o encontro, recibiredes unha carta informativa nos vosos fogares, con toda a información sobre o evento!”, anuncia o Concello de Barreiros.


