O Concello de Burela convida á veciñanza a participar das actividades do II Día da Literatura Caboverdiana, que ten lugar o 11 de xuño

Estas terán lugar mañá, 11 de xuño, na biblioteca do IES Perdouro, e contarán coa participación da alcaldesa, Carmela López, e o tenente de alcaldesa, Mario Pillado, así como das traballadoras do CIM e a Área de Inmigración do Concello

A inauguración do encontro, no que se traballará a obra 'Siríaco e Mr. Charles' de Joaquim Arena, está prevista para as 10:15, coa intervención do estudante Isaac Sosa, orixinario de Cabo Verde e que chegou a Burela despois de pasar por Francia.

Seguidamente tomará a palabra a profesora Vanessa Vila-Verde, en representación da comisión organizadora do evento, e tamén a alcaldesa Carmela López e o escritor homenaxeado Joaquim Arena.

O autor participará por vídeo-conferencia desde Lisboa, onde acaba de tomar parte da Feira do Libro da capital portuguesa. Ás 13:00 horas intervirá o persoal do CIM e de atención a persoas migrantes do Concello de Burela.

Para as 18:00 horas está prevista a sesión de clausura, para a que se conta coa participación de María José Pardiñas, directora do IES Perdouro; Edilson S. Tavares, filólogo especialista en Linguas Modernas; e Mario Pillado, concelleiro de Xustiza Social, Xuventude e Inmigración e Cooperación.