
O Concello de Cervo anuncia que “continúa apostando pola conservación e transmisión dos oficios tradicionais colaborando nun novo curso de iniciación á forxa tradicional, impartido polo artesán Telmo Cao no seu obradoiro situado no Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, na antiga nave de fundición, un edificio histórico do século XVII restaurado e cedido polo Concello no ano 2020”. A formación desenvolverase en dúas fases: un curso de iniciación, do 3 ao 7 de agosto e un nivel 2, do 10 ao 14 de agosto, dirixidos a persoas interesadas en iniciarse ou ampliar coñecementos neste oficio tradicional a través dunha metodoloxía eminentemente práctica.
O Concello de Cervo explica tamén que colabora novamente nesta iniciativa “cun prezo reducido para o alumnado, co obxectivo de facilitar o acceso á formación e seguir contribuíndo á preservación e difusión desta disciplina artesanal, estreitamente vencellada á historia e ao patrimonio de Sargadelos”.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, visitou ao artesán no seu taller e resaltou “a importancia de apoiar iniciativas que contribúen a manter vivos os oficios tradicionais e a garantir a súa transmisión ás novas xeracións, ao tempo que poñen en valor o noso patrimonio histórico e cultural”.
Ademais o Concello de Cervo destaca que “Telmo Cao, referente na forxa artística e na escultura en metal, abre unha vez máis as portas do seu obradoiro para compartir a súa experiencia e coñecementos, ofrecendo unha oportunidade única para aprender un oficio con fondas raíces na nosa tradición”.
O prazo de inscrición xa está aberto e as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden solicitar máis información e formalizar a súa inscrición a través do correo telmocao@yahoo.es ou no teléfono 638.71.72.72.


